- ESTES CERTAMES VEÑEN DE FIRMAR UN ACORDO DE COLABORACIÓN CON VIRATEC DE CARA Á SÚA VINDEIRA EDICIÓN, QUE TERÁ LUGAR DO 11 AO 13 DE ABRIL NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
- A IMPLICACIÓN DESTA AGRUPACIÓN SUPÓN UNHA IMPORTANTE APORTACIÓN A ESTAS CITAS, TANTO POLO SEU GRAN PESO NO SECTOR AMBIENTAL COMO POLA SÚA AMPLA EXPERIENCIA E COÑECEMENTO
Silleda, 15 de febreiro de 2024.- A feira de servizos municipais ExpoMunicipal e a de enerxía Enerxétika seguen avanzando nas súas citas de 2024, as cales se celebrarán de forma paralela do 11 ao 13 de abril na Feira Internacional de Galicia ABANCA.
ExpoMunicipal ponse en marcha este ano para ofrecer solucións aos municipios e entidades territoriais ante o actual escenario social, o cal esixe cidades máis sostibles, eficientes, accesibles, seguras e verdes. Pola súa banda, Enerxétika levará a cabo a súa cuarta edición, ofrecendo unha plataforma única onde interaccionar, intercambiar experiencias, poñer en valor o I+D+i no ámbito da enerxía e medir os numerosos cambios que está experimentado nun momento de transición como o actual.
Para avanzar nestes obxectivos, ambos certames acaban de subscribir un acordo de colaboración co Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (VIRATEC), coa finalidade de que estas feiras sexan un foro atractivo tamén para o sector ambiental, dando resposta aos intereses e inquietudes específicos dos seus profesionais e empresas.
Esta implicación de VIRATEC resulta de gran interese para ExpoMunicipal e Enerxétika, supoñendo unha importante achega tanto no seu deseño como no seu desenvolvemento. Non en balde, este clúster aglutina ás principais empresas e entidades galegas involucradas na xestión ambiental, poñendo ao dispor dos certames a súa ampla experiencia no sector e as súas capacidades como punto de unión coa industria e a administración.
Así, VIRATEC, ademais de realizar unha intermediación activa entre os seus asociados para a súa posible participación como expositores nalgunha das feiras, colaborará na organización do certame e o seu programa de actividades, proporcionando o seu extenso coñecemento do sector.
Por outra banda, VIRATEC contará cun espazo expositivo na feira, a cal ofrecerá condicións vantaxosas ás súas empresas asociadas para participar como expositores nesta edición.
Un clúster de referencia
O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular ten como obxectivo incrementar a capacidade tecnolóxica e de innovación e a competitividade das empresas galegas que achegan solucións ambientais.
Trátase dunha entidade de cooperación público-privada e entre empresas que xera sinerxías entre distintas áreas de coñecemento, promove a I+D+i, mellora a formación e crea oportunidade de internacionalización para contribuír ao desenvolvemento sostible da sociedade galega e á preservación do seu medio ambiente, baixo os principios da Economía Circular.
VIRATEC, con oitenta socios que superan na súa facturación global os 1.000 millóns de euros e xeran 4.000 empregos directos, é xa un referente no desenvolvemento e implementación de tecnoloxías, procesos e solucións ambientais, a nivel local, nacional e internacional