A sostibilidade na xestión municipal volve ao congreso Concellos 2030, que este ano será no marco de ExpoMunicipal 2024

  • CELEBRARASE O 11 E 12 DE ABRIL, OS DOUS PRIMEIROS DÍAS DESTE CERTAME DE SERVIZOS MUNICIPAIS, QUE COMENZA A SÚA ANDADURA NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA (SILLEDA, PONTEVEDRA)
  • PRETO DUNHA TRINTENA DE PROFESIONAIS IMPARTIRÁN AS PONENCIAS E PARTICIPARÁN NAS MESAS REDONDAS, CUXOS TEMAS SE CENTRARÁN NO CICLO DA AUGA, O AFORRO ENERXÉTICO, A XESTIÓN DE RESIDUOS E A MOBILIDADE URBANA

Silleda, 1 de abril de 2024.- A I Feira de Servizos Municipais, ExpoMunicipal 2024, a cal se celebrará do 11 ao 13 de abril na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), acollerá o congreso “Concellos 2030”.

Esta interesante cita, que terá lugar durante os dous primeiros días do certame, pretende compartir información sobre sustentabilidade entre técnicos e responsables das administracións locais e empresas ligadas á xestión dos recursos públicos.

Os seus temas centrais serán o ciclo de auga, o aforro enerxético, a xestión dos residuos e a mobilidade urbana, piares básicos para conseguir concellos máis sostibles.  Sobre eles expoñeranse exemplos, a través de municipios nos que se realizaron accións nesta liña e das explicacións de primeira man daqueles técnicos e responsables de área que as levaron a cabo.

Abrirase o congreso falando da axenda 2030, de man de Uxía Diz, técnica de proxectos do Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa (ICSEM). A continuación, centrarase en residuos, abordando a estratexia galega de bioresiduos por parte de Paula Uría, subdirectora xeral de Residuos da Xunta de Galicia, para logo debullar a lei de residuos e a administración local con José Pernas, profesor titular de dereito administrativo da Universidade de A Coruña.

Seguirá Benito Blanco, xerente de proxectos de residuos no grupo Applus+ cunha intervención sobre 2025 e o límite legal para as novas taxas e ordenanzas ambientais. Sobre tecnoloxía para o peche de colectores falará Juan Carlos Cortés, director comercial en Citisend, mentres que do retorno controlado de envases fará o propio Iván González, xerente de desenvolvemento de negocios en Candam Tech.

O bloque temático pecharase expoñendo casos de éxito na implantación de materia orgánica, sendo a moderadora Arancha Mañas, presidenta da Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (Aproema), e participando Jesús Domínguez, concelleiro de Sustentabilidade Ambiental de Santiago de Compostela; Lino Mouriño, concelleiro de Servizos de Vilagarcía de Arousa; Paula Fernández, alcaldesa de Silleda, e José Ramón Martínez, concelleiro de Medio Ambiente e Servizos de Laracha.

Xa o venres, os eixos serán enerxía, auga e mobilidade. O primeiro bloque comezará expoñendo a axenda enerxética galega, para logo falar do bio metano de man de Prezero e tamén da implantación de renovables e eficiencia enerxética no concello de Lugo, por parte de Miguel Ángel Negra, xefe do servizo de Medio Ambiente.

En canto á auga, Gonzalo Mosqueira, xerente de Augas de Galicia, expoñerá a nova lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. O modelo de colaboración público-privada e Perte de dixitalización de AquaOurense explicarano Víctor Comesaña, responsable técnico de AquaOurense, e Javier Bobe, director da área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, mentres que José Ramón Vázquez, xefe de departamento comercial zona norte de Aqualia Industrial, será o encargado de falar de estacións compactas de tratamento para pequenos núcleos de poboación. Ademais, levarase a cabo unha mesa redonda sobre retos das entidades locais galegas para os vindeiros anos, con representantes de Augas de Galicia, Viaqua, Aqualia e Espina&Delfín

Por último, abordarase a mobilidade.  Un plan de mobilidade do século XXI será o que describa na súa intervención José Luis Cañavate, urbanista experto en mobilidade, mentres que as áreas de servizos para autocaravanas serán o tema abordado por Fabrizio Muzzati e Mireya Palau, de Aquiestoy Caravaning. Finalmente expoñeranse casos de éxito, como o proxecto BiciCoruña e realizarase unha mesa redonda sobre mobilidade e traballo.

Inscrición no congreso

Aqueles profesionais que queiran participar no congreso poderán inscribirse en www.concellos2030.gal. Nesta web tamén poderán informarse do programa e outros aspectos desta cita, en cuxa organización colaboran a Feira Internacional de Galicia ABANCA, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (APROEMA) e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (VIRATEC).