- AUGA, ENERXÍA E MOBILIDADE FORON ESTA MAÑÁ OS EIXOS DO CONGRESO, MENTRES QUE AS DEMOSTRACIÓNS DOS EXPOSITORES INTENSIFICÁRONSE
- A I FEIRA DE SERVIZOS MUNICIPAIS CELÉBRASE DENDE HOXE E ATA MAÑÁ NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Silleda, 12 de abril de 2024.- A I Feira de Servizos Municipais, ExpoMunicipal 2024, a cal se celebra desde onte e ata mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), acolleu o congreso “Concellos 2030”.
Esta interesante cita, que tivo lugar onte e durante a mañá de hoxe, cumpriu o seu obxectivo de compartir información sobre sustentabilidade entre técnicos e responsables das administracións locais e empresas ligadas á xestión dos recursos públicos. Así participou unha trintena de relatoras e foron máis de 340 persoas as que acudiron aos relatorios e mesas redondas centradas no ciclo de auga, o aforro enerxético, a xestión dos residuos e a mobilidade urbana, piares básicos para conseguir concellos máis sostibles.
Se a xornada de onte se centrou integramente na xestión de residuos, sumáronse os outros tres bloques temáticos. O primeiro deles, sobre enerxía, comezou expoñendo a axenda enerxética galega, para logo falar do bio metano de man de Prezero e tamén da implantación de renovables e eficiencia enerxética no concello de Lugo, por parte de Miguel Ángel Negra, xefe do servizo de Medio Ambiente.
En canto á auga, Gonzalo Mosqueira, xerente de Augas de Galicia, expuxo a nova lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. O modelo de colaboración público-privada e Perte de dixitalización de AquaOurense explicouno Víctor Comesaña, responsable técnico de AquaOurense, e Javier Bobe, director da área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, mentres que José Ramón Vázquez, xefe de departamento comercial zona norte de Aqualia Industrial, foi o encargado de falar de estacións compactas de tratamento para pequenos núcleos de poboación. Ademais, levouse a cabo unha mesa redonda sobre retos das entidades locais galegas para os próximos anos, con representantes de Augas de Galicia, Viaqua, Aqualia e Espina&Delfín
Por último, abordouse a mobilidade. Un plan de mobilidade do século XXI foi o que describiu na súa intervención José Luis Cañavate, urbanista experto en mobilidade, mentres que as áreas de servizos para autocaravanas foron o tema abordado por Fabrizio Muzzati e Mireya Palau, de Aquiestoy Caravaning. Finalmente expuxéronse casos de éxito, como o proxecto BiciCoruña e realizouse unha mesa redonda sobre mobilidade e traballo.
Demostracións e presentacións
O programa da feira acolle tamén demostracións dos produtos e servizos presentados polos expositores, que na xornada de hoxe foron moi numerosos.
Así, os visitante puideron ver mostras de limpeza viaria de alta presión con maquinaria de gran autonomía e mínimo impacto sobre o firme, aspiración de follas con equipos de alta capacidade, triturado de ramas con máquinas dotadas de amplas tolvas, roza con mecanismos de control remoto sobre orugas para segar en condicións extremas, desatasque con novos dispositivos de presión, simulación de limpeza de praias con innovadores equipos ou o funcionamento de softwares de detección de irregularidades catastrais mediante o uso de intelixencia artificial.
Así mesmo, realizáronse outras actividades, como presentacións de servizos e proxectos e tamén catas de augas.