Do parque á horta urbana, ExpoMunicipal 2026 analiza novidades e retos na xestión de espazos verdes dos municipios

  • SERÁ EN VARIAS XORNADAS TÉCNICAS QUE SE DESENVOLVERÁN AO LONGO DO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 25 AO 27 DE MARZO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
  • ESTE EVENTO TERÁ LUGAR DE FORMA PARALELA A ENERXÉTIKA, CENTRADA NO ÁMBITO DA ENERXÍA

Silleda, 16 de marzo de 2026.- A II Feira de Servizos Municipais, ExpoMunicipal 2026, a cal conta co patrocinio de Ferrovial, terá lugar do 25 ao 27 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra).

Esta cita, que se celebrará de forma paralela ao salón de enerxía Enerxétika, contará cun interesante programa de xornadas técnicas con temáticas de máxima actualidade.

No contexto actual de crecemento urbano e procura de cidades máis habitables, os espazos verdes convertéronse nunha infraestrutura esencial tanto para o benestar social como para a saúde da cidadanía. Este papel crave supón novas tendencias e cambios na maneira en que os municipios planifican, mantén e aproveitan os seus espazos verdes. Unha realidade que terá gran protagonismo nas conferencias de ExpoMunicipal 2026.

Así, a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) celebrará tres xornadas. A primeira delas tratará a elección de arboledo público e será dirixida por Gaspar Bernández, técnico da Deputación de Pontevedra. Unha segunda abordará a transición de maquinaria de xardinería de combustión a eléctrica de batería, de man de Juan José Feás, de Makita, mentres que a última centrarase en xestión municipal de residuos verdes, sendo o seu condutor Manuel Pan, CEO de Siháho.

Hortos urbanos

O notable auxe dos hortos urbanos como ferramenta para impulsar cidades máis sostibles, saudables e socialmente cohesionadas será tamén un tema destacado nestas xornadas, abordándose baixo o título “Sementando resiliencia: o papel dos hortos urbanos” e por parte de Dixardín, entidade de Cogami Empresarial.

Pedro Guerreiro, coordinador de Hortos Urbanos do Paseo do Intre (Lugo) será quen explique durante a feira tanto a relevancia destes espazos como a súa propia experiencia na capital lucense.