Enerxétika e ExpoMunicipal consolidan a súa cita conxunta para impulsar a innovación enerxética e municipal, que regresa de 22 a 24 de marzo de 2028

  • O SEU COMITÉ ORGANIZADOR REUNIUSE RECENTEMENTE NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA PARA FIXAR AS DATAS DESTE DOBRE EVENTO FEIRAL
  • PARTICIPARON NO ENCONTRO PRETO DUNHA VINTENA DE REPRESENTANTES DE ENTIDADES VINCULADAS CON AMBOS SECTORES E DO EQUIPO FEIRAL

Silleda, 3 de novembro de 2026.- A dobre cita do salón de enerxía Enerxétika e o certame de servizos municipais ExpoMunicipal celebrarase do 22 ao 24 de marzo de 2028 no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, tal e como decidiu recentemente o seu comité organizador nunha reunión mantida no recinto feiral.

Un evento que se consolida nesta terceira convocatoria conxunta para seguir impulsando a innovación enerxética e municipal, e que suporá a sexta edición de Enerxétika e a terceira de ExpoMunicipal.

Ademais de determinar estas datas, no encontro tamén se analizaron outros aspectos para comezar a traballar xa nestas convocatorias, como a promoción ou os resultados da anterior cita, cando preto de 4.900 visitantes, esencialmente de España e Portugal, pero tamén de Italia e Francia, puideron ver as propostas de 475 firmas expositoras de 22 países dos sectores enerxético e municipal, as cales estiveron representadas por 167 expositores directos de España, Portugal, Francia, Italia, Alemaña e Suíza.

Complementariedade, apoio e colaboración

O encontro contou coa presenza de preto dunha vintena de representantes de empresas, clústers, asociacións, federacións, colexios profesionais, departamentos da Xunta de Galicia e membros do equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Estivo presidido polos directores xenerais de Administración Local da Xunta de Galicia, Natalia Prieto, e de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, acompañados da subdirectora xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais, Raquel Bahíllo, e a xerente do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Silvia Cortiñas.

Durante o encontro, nas distintas intervencións quedou patente o respaldo do sector a esta dobre cita feiral, mostrando apoio a esta nova edición, ofrecendo posibilidades de colaboración para facer as feiras máis atractivas e tamén resaltando a complementariedade de ambos eventos.