Enerxétika e ExpoMunicipal refórzanse na recta final para esta dobre cita feiral, que terá lugar do 25 ao 27 de marzo

  • O SEU COMITÉ ORGANIZADOR REUNIUSE DE NOVO HOXE NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA PARA ANALIZAR A EVOLUCIÓN COMERCIAL DOS CERTAMES, DETERMINAR ACCIÓNS DE INTERESE PARA O SEU IMPULSO NESTES DOUS ÚLTIMOS MESES E DEFINIR O SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES
  • MÁIS DUNHA VINTENA DE ENTIDADES VINCULADAS CON AMBOS SECTORES PARTICIPARON NO ENCONTRO, NO QUE SE REAFIRMOU O COMPROMISO COAS FEIRAS

Silleda, 28 de xaneiro de 2026.- A dobre cita feiral do salón de enerxía Enerxétika e o certame de servizos municipais ExpoMunicipal, a cal terá lugar do 25 ao 27 de marzo, segue preparándose para converterse nun espazo de referencia.

E con este obxectivo o seu comité organizador volveu reunirse hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Un encontro no que se analizou a evolución comercial das feiras, as cales contan con boas expectativas para esta cita de 2026. Ademais, avaliáronse e determináronse accións a distintos niveis para impulsar as feiras nestes dous meses previos á súa celebración.

Por outra banda, durante a reunión avanzouse na definición do programa de actividades de ambas as feiras. Destacarán as xornadas técnicas, das que se está establecendo a súa temática e haberá presenza de relatores de relevancia a nivel nacional, e sumaranse demostracións, áreas divulgativas, entregas de premios, un circuíto de vehículos con combustibles alternativos ou o espazo de innovación SIE.

Compromiso e sinerxías

O encontro contou coa presenza de máis dunha vintena de empresas, clústers, asociacións e departamentos da Xunta de Galicia, os cales volveron mostrar tanto o seu apoio aos certames como á súa celebración paralela, destacando a capacidade desta dobre cita feiral de crear sinerxías.

Presidiron a reunión os directores xerais de Administración Local da Xunta de Galicia, Natalia Prieto, e de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, acompañados da subdirectora xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais, Raquel Bahíllo e o director do Departamento de Coordinación de Eficiencia Enerxética do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Emérito Freire.

Pola súa banda, destacaron o compromiso da Administración galega con estes certames, facendo fincapé na súa vontade de que se consoliden como feiras de referencia. Ao mesmo tempo, en canto a Enerxétika, sinalouse a feira como unha oportunidade para poñer en valor o importante peso do sector enerxético en Galicia, o cal conta con toda a cadea de valor na Comunidade, e tamén se apuntou dende a dirección xeral de Planificación Enerxética e Minas o traballo que está a realizar para que o evento transcenda o ámbito autonómico, estando xa confirmada a presenza de homólogos doutras rexións na feira para coñecer e compartir experiencias que enriquezan o sector. Respecto a ExpoMunicipal, ademais de sinalar o gran interese desta feira ante a gran diversidade de concellos e necesidades que presentan, apuntouse por parte da dirección xeral de Administración Local a celebración no evento de xornadas que apoien aos municipios nos seus retos, expoñéndolles novidades e axudas.

Ademais, o encontro contou con representación, no ámbito dos servizos municipais, da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fagamp), Cogami, Urdime, Ferrovial, Prezero, Rototank, Grupo Faro e Sihaho. En canto ao sector enerxético, participaron representantes da Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), Asociación Eólica de Galicia (EGA), Clúster da Biomasa de Galicia, Federación Galega de Instaladores Eléctricos e Telecomunicacións (Fegasinel), Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Ecogal, Iberdrola e Rede Eléctrica de España (Redeia). Así mesmo, tivo representación a Dirección Territorial de Comercio en Galicia.